A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño participa cun investimento de 3.000 euros e coa achega de material de promoción da marca Artesanía de Galicia a este evento, que se celebra do 16 ao 18 de xullo no casco histórico de Noia.
A xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro Castro, participou en representación da Consellería de Economía e Industria na inauguración da XIII Feira Medieval de Noia, que se celebra no casco histórico desta vila coruñesa entre os días 16 e 18 de xullo. A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño apoia o evento a través dun investimento de 3.000 euros e mais da súa participación cun stand de promoción da marca Artesanía de Galicia.
O evento, no que está previsto que participen arredor de 200 postos de artesanía e de hostalería, está considerado un dos máis antigos e consolidados dos que se celebran en Galicia. Ademais do espazo dedicado á venda, a feira conta cun amplo programa de actividades paralelas de animación da rúa, recreacións e obradoiros prácticos sobre diferentes oficios, que se celebrarán ao longo de toda a fin de semana.
A Consellería de Economía e Industria considera que unha das vías máis efectivas para dar a coñecer a marca Artesanía de Galicia son as feiras de artesanía de venda directa, como é o caso da Feira Medieval de Noia, posto que supón un espazo de confluencia dos produtores e dos destinatarios das súas pezas.