Galego | Castellano
31 / Xullo / 2010
catálogos en liña
Actualidade
Artesáns
Documentación
Rutas e mapas

NOVAS

Economía e Industria publica o programa de formación para artesáns do primeiro semestre de 2010 22-12-2009

Imaxe dun curso realizado no ano 2009

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organiza un total de 22 cursos especializados en diferentes técnicas artesanais para o primeiro semestre do ano, que se complementará cunha nova liña de formación orientada ao deseño, ao marketing e á promoción do produto artesán galego que se introducirá no ano 2010.

O calendario do primeiro semestre inaugúrase cun curso de aplicacións do centón, unha técnica téxtil que no ano 2009 foi admitida como actividade artesanal pola Comisión Galega de Artesanía.


A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño ? dependente da Consellería de Economía e Industria ? publica na súa páxina web www.artesaniadegalicia.org o calendario de formación especializada para artesáns que se desenvolverá durante o primeiro semestre de 2010. Trátase dun total de 22 cursos de formación relacionados con diferentes técnicas coma o téxtil, a xoiería, o encaixe, a madeira, o gravado, a cestería, a pedra, a cerámica ou a fotografía. Co obxectivo de complementar esta oferta ao tempo que para cubrir un baleiro na formación dos artesáns galegos, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño introducirá no ano 2010 unha nova liña de formación orientada ao deseño, ao marketing e á promoción do produto artesán galego, que se fará pública tamén a través da páxina web da marca Artesanía de Galicia.

O calendario de actividades que se presenta foi elaborado a partir das propostas que os obradoiros e mais as asociacións profesionais de artesáns lle fixeron chegar á Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño durante o último trimestre de 2009. Deste xeito, conséguese preparar unha oferta heteroxénea e acorde coas necesidades reais e coas demandas de especialización dos profesionais do sector. Unha das novidades que se introducen na programación deste ano é o curso "Fotografía aplicada á artesanía", que impartirá o recoñecido fotógrafo Xoán Piñón os días 27 e 28 de maio, en Santiago de Compostela.

As actividades do ano 2010 comezan o 21 de xaneiro en Ourense, co curso "Aplicacións do centón", de 40 horas, impartido por Dolores García os xoves e os venres ata o 5 de marzo e en horario de 10:00 a 14:00 horas. O centón é unha técnica téxtil coñecida tamén como "patchwork" ou labor de retallos, que a partir de abril de 2009 forma parte da sección de actividades artesás do Rexistro Xeral de Artesanía, a proposta da Comisión Galega de Artesanía. Na programación deste primeiro semestre do ano tamén se inclúe o curso de "Técnicas de centón para docentes" (50 horas), que se celebrará en Gondomar do 22 ao 27 de marzo, a cargo de Mirvia Aranda.

Como xa ocorreu en anos anteriores, o encaixe é unha das actividades máis solicitadas polos artesáns. É por isto que se celebran tres cursos de perfeccionamento do encaixe galego do 1 ao 29 de marzo e de 50 horas de duración, en Quintáns, Moraime e Muxía e que estarán impartidos por Irma Pazos Calo, Nieves Pérez Lema e Marina Antelo Lema, respectivamente. Tamén en marzo, do 1 ao 6, Mariña Regueiro será a encargada de ensinar "Comezos e remates do encaixe de torchón" (50 horas), en Pontevedra. Esta artesá impartirá tamén o curso de "Iniciación ao encaixe de cantú" (50 horas), que terá lugar en Vigo, do 12 ao 14 e do 26 ao 28 de marzo.

Continuando coas técnicas de elaboración do encaixe que se dan fóra de Galicia, do 21 ao 25 de xuño, Pilar Montanos impartirá un curso de perfeccionamento sobre a técnica do Ret-fí catalán, de 50 horas, en Ourense; e a artesá Marcia Ferreira dedicarase a ensinar "Iniciación ao encaixe ruso" (50 horas), do 5 ao 7 e do 12 ao 14 de marzo, na Coruña.

Nuria Conesa "Nuna" repetirá como docente aínda que cunha actividade formativa diferente ás técnicas de afeltrado do ano 2009 e impartirá un curso de "Creación téxtil" (50 horas), que se celebrará en Gondomar do 26 de abril ao 1 de maio; e o artesán Rafael González será o encargado de impartir o curso de perfeccionamento de "Pasamanería" (50 horas), do 1 ao 6 de marzo. Como peche para os cursos relacionados co téxtil neste primeiro semestre do ano, a Fundación propón "Técnicas de cestería aplicadas á creación téxtil", que correrá a cargo da artesá Idoia Cuesta, e que se celebrará en Ourense do 14 ao 19 de xuño.

En Vigo celebrarase o curso "Creación de abelorios de cristal" (30 horas), a cargo de Alicia González, do 13 ao 28 de febreiro; "Modelado de ceras para a xoiería" (45 horas), que comezará o 27 de marzo e rematará o 6 de xuño e estará impartido por Luis Cristóbal, e mais o "Termoimpresión de imaxes sobre tecidos e papeis" (20 horas), que terá lugar os días 26 e 27 de xuño a cargo do artesán Xabier de Sousa, que resultou finalista na II edición dos Premios Artesanía de Galicia fallados en agosto de 2009.

No calendario de formación deste primeiro semestre inclúense tamén dous cursos que se veñen celebrando nos últimos anos: "Talla en madeira. Perfeccionamento (Módulo I)" (75 horas), que impartirá o obradoiro Arte-San en Sarria, do 3 de maio ao 7 de xuño, e "Talla tradicional e policromía en pedra. Perfeccionamento" (50 horas), que se celebrará na Banga (Ourense) do 4 ao 26 de xuño, a cargo da artesá Laura Rodríguez.

Están aínda pendentes de confirmar as datas de celebración dos cursos "Deseño de xoias co programa 3Design" (48 horas), que impartirá en Bergondo Manuel Piñeiro; "Técnicas de fundición para a xoiería: microfusión" (48 horas), a cargo de Antonio Franco, e "Perfeccionamento de técnicas de matricería en xeso" (50 horas), que se celebrará na sede do CENCAL en Caldas da Raínha (Portugal) e do que se encargará Antonio Anunciaçao, que xa fora docente da primeira parte deste curso celebrado o ano pasado en Sada.

A formación é unha das liñas estratéxicas de actuación que está a desenvolver a Consellería de Economía e Industria en materia de artesanía, e a través da súa Dirección Xeral de Comercio, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento do sector artesanal galego. Estas actividades de formación están dirixidas principalmente a artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia aínda que, en función da dispoñibilidade de prazas tamén, poden participar afeccionados e interesados en artesanía. Os interesados en participar nestes cursos de carácter gratuíto deberán inscribirse a través da páxina web www.artesaniadegalicia.org.

Inscricións




volver

Hemeroteca: 2007200820092010

Localizador de artesáns
BUSCADOR AVANZADO
mes anterior
Xullo de 2010
mes seguinte
Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
L M M X V S D
      1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31  
ir á páxina de inicio Artesanía de Galicia