Aldea Artesán de A Fraga

No lugar da Fraga (Concello de Xermade), botamos a andar no ano 2000, a Aldea Artesán de A Fraga, un proxecto integral onde se unen artesanía e turismo rural.
Estamos na Terra Chá, no Lugo interior, un paraíso incluído dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, e preto do Parque Natural Fragas do Eume.
As instalacións constan de varias edificacións restauradas e unha de nova construción, integradas harmonicamente na paisaxe e que respectan as tradicións arquitectónicas da zona:
-Un edifico de nova construción que acubilla un obradoiro perfectamente equipado para traballar a madeira, inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia co nº 248.
-Outra edificación tradicional coidadosamente rehabilitada para casa de turismo rural, con dez cuartos dobres con baño (capacidade para 20 persoas), inscrita no Rexistro Turístico Provincial co nº TR.LU-87.
-Unha antiga palleira recuperada para albergar un comedor rural (capacidade para 34 persoas) e unha taberna.
Para ver as nosas instalacións prema aquí
Foron Artesáns, somos artesáns

Dende o ano 1920 a nosa familia dedícase ao traballo da madeira: Amador Ledo Rivera comezou como artesán nómade, coma tantos outros na nosa terra, facendo zocas primeiro e logo carros polas casas ata especializarse montando a carpintería de obra dos edificios.
Mediados os anos trinta fundou un obradoiro na vila das Pontes (A Coruña) onde construía todo tipo de mobles e obxectos auxiliares para o uso cotián das familias da comarca, combinando as técnicas dos diferentes oficios: carpinteiro, ebanista, selleiro, torneiro, fragueiro....
A mediados da década dos cincuenta o seu fillo, Vicente Ledo Pena, comezou a traballar con continuidade no obradoiro, mellorando cuantitativa e cualitativamente o nivel de produción.
Nos anos oitenta do século pasado comezamos os seus descendentes a participar nas labores do taller, descubrindo os pormenores do oficio e herdando a experiencia do traballo coa madeira, valor inmensurable que hoxe en día é o alicerce da nosa actividade económica.
Outro xeito de traballar

A dificultosa supervivencia actual destes oficios tradicionais, secularmente arraigados no mundo rural, obrigounos a buscar novos xeitos de rendibilizar os nosos coñecementos, tentando aproveitar os paralelismos, e as sinerxias, entre turismo rural e artesanía.
Por isto, dentro da nosa oferta, incluímos a posibilidade de que os nosos clientes poidan descubrir os oficios artesanais que exercemos, deseñando paquetes turísticos feitos á medida que, como elemento diferenciado, inclúen cursos monográficos de restauración de mobles, carpintería básica e torneado creativo da madeira.
Esta mestura turístico-artesán adáptase a todos os niveis de coñecemento e intereses particulares dos participantes, ensinando a valorar os traballos e a coñecer as ferramentas, os materiais e as técnicas para facelo.
Actividades e produción

En xeral a nosa produción atangue os distintos campos artesanais aos que nos dedicamos:
-Restauramos e reproducimos mobles de madeira maciza seguindo a tradición artesá familiar: aparadores, mesiñas de noite, cómodas, camas, berces, mesas, cadeiras, estanterías, máquinas de coser, galáns de noite, caixas de reloxo, mesas veladoras... Tamén adaptamos mobles para novas funcións (p.ex. Huchas do trigo para estanterías ou roupeiros).
-Torneamos a madeira artesanalmente: pezas de creación propia, únicas por deseño e calidade, axeitadas para revalorizar a decoración da súa casa ou para agasallos moi especiais.
-Traballamos sempre con orzamento previo, detallado e por escrito, para que dende o principio saiba o custo dos nosos servizos e produtos.
-Deseñamos e construímos mobiliario sinxelo e utilitario como resposta ás necesidades prácticas: cobre-radiadores (que se transforman en mesas auxiliares), mesiñas de noite penduradas (facilitan a limpeza), marcos de espello (que serven de chaveiros e/ou cobren cadros de luces), lámpadas de pé ou sobremesa (pezas únicas, algunhas torneadas á man), mesas de erguer (prácticas e aproveitan o espazo)...
Resumo cursiños en galego PDF